

Referencia:
Calzados Lola é un relato mítico de iniciación no que o heroe, tamén a heroína, teñen que andar un camiño para gañar un coñecemento: quen son eles verdadeiramente, a través de coñecer a súa historia familiar oculta. En Calzados Lola relátanse varias investigacións: a do desfalco dunha empresa, a dun pasado familiar, a de como construímos a nosa identidade. Varias historias contadas e suxeridas. Vidas veladas, o desvelamento da vida. O pasado e o presente, os pais e os fillos e os avós, os vivos e os mortos. Unha viaxe á orixe, unha escapada. O odio e o amor, a morte e a resurrección. Dúas novelas, unha de suspense e acción que nos arrastra na súa viveza,. e outra densa e fonda que conta a crise, esfarelamento e reconstrucción da identidade persoal.
O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. O remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.