

Referencia:
A da prima Concha é, sen dúbida, unha historia singular. Homes singulares na vida, se cadra, hai moitos. Algúns mesmo chegan a ser recoñecidos pola forza desa singularidade. No caso das mulleres -se cadra non, seguro-, o recoñecemento é para moi poucas. A vara de medir non é a mesma. Mais elas están aí, Concha está aí. Só de cando en vez, a vida anónima dalgunha muller coma ela sae á luz e eríxese, grandiosa, na afirmación da súa rebeldía. A familia Pereira, o clan de Concha, alicerzaba a súa identidade na gran mentira da aparencia. Só Fernando foi quen de buscar a verdade da súa curmá. A historia da Faneca Brava non é das que se escriban con pomposas letras maiúsculas, pero é tan real e intrigante que enche ao lector ou lectora do desexo de pescudar toda a verdade.
Calzados Lola é un relato mítico de iniciación no que o heroe, tamén a heroína, teñen que andar un camiño para gañar un coñecemento: quen son eles verdadeiramente, a través de coñecer a súa historia familiar oculta. En Calzados Lola relátanse varias investigacións: a do desfalco dunha empresa, a dun pasado familiar, a de como construímos a nosa identidade. Varias historias contadas e suxeridas. Vidas veladas, o desvelamento da vida. O pasado e o presente, os pais e os fillos e os avós, os vivos e os mortos. Unha viaxe á orixe, unha escapada. O odio e o amor, a morte e a resurrección. Dúas novelas, unha de suspense e acción que nos arrastra na súa viveza,. e outra densa e fonda que conta a crise, esfarelamento e reconstrucción da identidade persoal.